No momento de abordar a elaboración dos materiais, cumpría ter en conta que os enquisadores do ALPI utilizaron moi conscientemente o alfabeto fonético da Revista de Filología Española (AFE), un alfabeto creado por Tomás Navarro Tomás, publicado na revista en 1915, e con longa tradición no mundo hispánico. Este alfabeto reflicte o interese fonético do seu autor, e da súa época, cun luxo de detalles que hoxe pode semellar excesivo. Presentábase un dilema científico entre conservar esta transcrición ou intervir nela, converténdoa ao Alfabeto Fonético Internacional (AFI), para asegurarlle ao atlas unha difusión maior e para facilitar a recuperación de datos nun sistema de buscas complexo. Despois de moitas dúbidas, encontramos unha solución que respecta a transcrición fonética orixinal -posto que sempre se poderá acceder á imaxe dixitalizada das respostas manuscritas nos cuestionarios-, e asegura buscas sinxelas a partir da súa conversión ao Alfabeto Fonético Internacional (AFI).
Resulta innegable que este proceso supón unha simplificación das transcricións en ARFE, pero hai que considerar que xa os propios editores do tomo I do ALPI, de acordo con Navarro Tomás, decidiron proceder a unha primeira simplificación das súas complexas transcricións. O Epistolario publicado por Vicent García Perales e Santi Cortés mostra que existiu unha “táboa” elaborada coa axuda do mestre, que non se conservou, de xeito que había que tratar de reconstruíla para establecer un catálogo de equivalencias válido co Alfabeto Fonético Internacional. Acudiuse a especialistas na fonética dos distintos dominios lingüísticos para incorporar con todas as garantías as equivalencias fonéticas á ferramenta informática: Amália Andrade, para o portugués; Francisco Dubert, para o galego; Ralph Penny, para as falas asturleonesas; Daniel Recasens, para o catalán e Juana Gil, para o castelán. Os días 7 e 8 de maio de 2009 o equipo del ALPI reuniuse con eles na Universidad Autónoma de Madrid, que subvencionou o encontro científico. Alí decidiuse a correspondencia entre os signos fonéticos do Alfabeto da Revista de Filología Española dos orixinais e os signos do Alfabeto Fonético Internacional. Partiuse da base de que, como elaboradores e editores do ALPI, non entrariamos a valorar as transcricións herdadas, nin iamos intervir nelas máis que para establecer as equivalencias co AFI, evitando perder no proceso o imprescindible para a caracterización das falas estudadas.
Publicamos aquí a táboa de equivalencias, que reelaboramos coa axuda de Francisco Dubert, Maria Pilar Perea, Xulio Sousa e Rosabel San Segundo. É preciso ter en conta que quen consulte o ALPI terá, ademais, a posibilidade de ver literalmente a transcrición orixinal dos datos, xa que o deseño da ferramenta informática inclúe, entre outros aspectos técnicos, a imaxe dixitalizada das respostas dos enquisadores en transcrición ARFE.