A edición actual dos materiais do ALPI concibiuse nun contexto informático, sen que isto supoña renunciar a ningún dos apoios da metodoloxía tradicional. Ao deseñar esta etapa na elaboración, non se trataba sinxelamente de poñer a disposición da comunidade científica materiais en bruto a partir das enquisas. Os cuestionarios empréganse aquí como os utilizaron os investigadores do ALPI para elaborar o volume de Fonética editado polo CSIC en 1962; o que muda é o soporte, que xa non é estático e de papel, senón dinámico -a través da consulta da base de datos na que se verte o contido dos cuestionarios- e interactivo, porque permitirá relacionar máis dunha consulta, limitar a pregunta por puntos, zonas, etc.
Unha das características principais do ALPI é, como se explicou, a utilización dun alfabeto fonético especial, o Alfabeto Fonético da Revista de Filología Española. Este foi ideado por Tomás Navarro Tomás, quen instruíu os colaboradores do atlas para que adquirisen destreza no seu uso, de xeito que as transcricións dos cuestionarios son escrupulosamente estreitas ata un punto que hoxe resulta difícil de concibir. Ao pensar na incorporación dos cuestionarios a unha base de datos que permitise a consulta, o equipo enfrontouse coa dificultade de trasladar estas transcricións e de aproveitalas para seren consultadas incluso por un público non experto. Facelo deste xeito resultaba case imposible; non facelo supoñía traizoar a concepción científica de Navarro Tomás e dos seus colaboradores. Por outra parte, non había dúbida de que, aínda que o alfabeto fonético da Revista de Filología Española fose durante tempo o tradicional nos atlas hispánicos, elixir o Alfabeto Fonético Internacional ampliaba considerablemente as posibilidades de difusión do traballo. A solución ao dilema chegou da man da informática, que permitía adoptar unha solución de compromiso: converter as transcricións orixinais ao Alfabeto Fonético Internacional, conscientes dos riscos que o proceso supoñía, conservando a posibilidade de que o especialista que o desexe poida chegar ata a imaxe da transcrición orixinal reproducida con calidade a partir dos cuestionarios.
Para iniciar o traballo cumpría dispoñer de todos os cuestionarios do ALPI e, para abordar o proceso sinalado no parágrafo anterior, era preciso dispoñer de imaxes dixitalizadas con calidade das páxinas de todos os cuestionarios. Como é sabido, os cuestionarios estaban distribuídos en tres bloques, correspondentes aos tres investigadores do equipo do ALPI histórico que coidaron da elaboración e do cartografado do primeiro e único volume publicado (1962): Aníbal Otero, Lorenzo Rodríguez-Castellano e Manuel Sanchis Guarner. O Instituto da Lingua Galega (ILG), depositario dos materiais galegos e portugueses, tiña dixitalizados eses cuestionarios e ofreceuse xenerosamente a dixitalizar os materiais custodiados pola familia Rodríguez-Castellano. Quedaba pendente o bloque oriental, que se atopaba en Elche, na Biblioteca Municipal, onde se conservan os fondos de Sanchis Guarner. O CSIC considerou que non era necesario reclamar os cuestionarios orixinais se cabía a posibilidade de dixitalizalos, como finalmente se fixo. A desaparición duns cuestionarios do legado de Sanchis Guarner foi a única gran dificultade para dispoñer de imaxes case iguais ás orixinais e máis fáciles de editar, o que nos obrigou a dixitalizar, neses poucos casos, as fotocopias que no seu día conseguiu D. Heap. Pola súa banda, a familia Rodríguez-Castellano cedeu mediante convenio á Biblioteca Tomás Navarro Tomás do CSIC os cuestionarios que custodiaba con outros interesantes materiais de Lorenzo Rodríguez-Castellano.