Como resultado da posta en marcha deste proxecto para continuar a elaboración e a edición dos materiais do ALPI, as fillas de Lorenzo Rodríguez-Castellano, Aurobel e Matilde, así como o seu xenro Antonio, facilitaron con xenerosidade a dixitalización dos cuestionarios conservados pola súa familia e posteriormente decidiron doarlle á Biblioteca Tomás Navarro Tomás, do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC, unha parte importante do legado de seu pai, que pasou a constituír un fondo especial que leva o seu nome: Fondo Rodríguez-Castellano.
Durante este proceso, contamos coa axuda inestimable da directora da Biblioteca Tomás Navarro Tomás, Pilar Martínez Olmo, que se encargou das xestións para formalizar a doazón do Fondo Rodríguez-Castellano, da súa catalogación e de que Raquel Ibáñez González, María Sánchez Luque, Eva Poves Pérez e Rosa Villalón Herrera, do Departamento de Arquivo TNT se ocupasen de dixitalizalo e de proporcionarnos as imaxes con calidade, imaxes que poñemos a disposición da comunidade científica na Galería fotográfica desta páxina web.
Para a xeorreferenciación da rede de enquisa, punto de partida indispensable no proxecto, contamos coa axuda da directora da Unidade SIG do CCHS, Isabel del Bosque, e de Esther Pérez e Carlos Fernández, que definiron e incorporaron a xeolocalización dos puntos enquisados.
Como se fixo constar na sección dedicada ao alfabeto fonético, debemos agradecer aos colegas especialistas en fonética a súa axuda para establecer con garantías as equivalencias fonéticas entre o Alfabeto Fonético da Revista de Filoloxía Española e o Alfabeto Fonético Internacional: Amália Andrade, para o portugués; Francisco Dubert, para o galego; Ralph Penny, para as falas asturleonesas; Daniel Recasens, para o catalán e Juana Gil, para o castelán.
No deseño e desenvolvemento da páxina web, ademais de Juan Carlos Martínez Torres, Ramón Fuentes Méndez e Ángel Díaz del Castillo, colaborou coa investigadora responsable do proxecto Rafael Rojas Corral, que converteu o deseño nun modelo de Drupal, no que configurou os módulos e seccións, varios fundamentos internos e diversas melloras no funcionamento da web.
Pola súa banda, o Archivo de Elche, previa autorización da Associació Arxiu de la Memòria Joan Baptiste Comes, facilitounos o labor de dixitalización dos materiais conservados no Fondo Sanchis Guarner, que custodia, e a busca dos cuestionarios valencianos desaparecidos.